Dende 01/01/2010 ata 31/12/2010
Homínidos e homínidas (Domus)
Os datos do evento
A familia presumida

“Homínidos e homínidas” é unha exposición divulgativa, interactiva e interdisciplinar, dirixida a persoas de todas as idades, que combina o rigor das formulacións e afirmacións co carácter lúdico e popular das realizacións museográficas. Abórdase a evolución humana dende unha perspectiva que permite incluír as características biolóxicas máis determinantes do desenvolvemento evolutivo, buscando a motivación, o interese, a sorpresa, a diversión ou a reflexión dos visitantes.
Para desenvolver os contidos recorreuse a diferentes solucións museográficas, experiencias interactivas, mecanismos, módulos informáticos, maquetas ou escenografías. Preséntanse ademais réplicas de pezas emblemáticas que serven para falar sobre cada unha das cuestións da evolución humana que se abordan.
Así, cada unidade expositiva está formada por varios elementos: unha peza emblemática, un módulo interactivo, unha cita que ofrece unha visión interdisciplinar, e un texto con varios apartados. As actividades e experiencias que se propoñen permiten, por exemplo, facerse unha foto de “familia” xunto a outros homínidos, coñecer a lonxitude dalgúns dos nosos ósos, facerse o morto meténdose dentro dun cadaleito, probar a puntería sobre figuras dos bisontes de Altamira, ou manipular obxectos sen utilizar o polgar.
As pezas emblemáticas teñen o seu espazo destacado dentro de cada unidade expositiva, xa que se trata de reproducións de importantes achados paleontolóxicos e arqueolóxicos. Son, por exemplo, varias pezas achadas no xacemento da Serra de Atapuerca (os chamados Elvis a pelvis -pelvis de Homo heidelbergensis-, cranio do neno da Gran Dolina –especie Homo antecessor, descuberta en Atapuerca-, Miguelón -Cranio 5-, ou Excalibur -unha machada de man-), unha reprodución da pintura rupestre dunha man en negativo da cova El Castillo (Santander), unha man do home de Neanderthal, restos fósiles do coñecido como Neno do lago Turkana (Kenia).
Os visitantes terán ocasión tamén de contemplar unha reprodución do David de Miguel Anxo de 2 metros de altura, un encéfalo humano real ou unha colmea natural construída no interior dun tronco de árbore oca.
Esta nova sección de evolución presenta un deseño gráfico e industrial novos, diferentes ao resto dos módulos da Domus. Desta maneira, a sección ten a súa propia identidade dentro das exposicións permanentes do museo. Pero respectáronse os criterios básicos do deseño museográfico da Casa do Home, como a interactividade, a interdisciplinaridade e a diverxencia no tratamento dos temas. Por iso, os títulos dos módulos conservan a idea de utilizar diversos idiomas, como mostra da diversidade humana, e aparecen en latín, castelán, galego, francés, inglés e italiano.
De luns a domingo, de 10.00 a 19.00 h.
Xeral 2 € (menores de 14, maiores de 65 e carné xove 1 €)
Corrixir ou completar a información deste evento.